Mostrando entradas con la etiqueta Colectivismo.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Colectivismo.. Mostrar todas las entradas

24.10.16

Guía de Ayn Rand contra as aberracións colectivistas.


En 1947 Ayn Rand escribiu unha guía para distribuir entre produtores de cine estadounidenses coa intención de alertar sobre o que ela consideraba a velenosa ideoloxía antiamericana que os comunistas inoculaban nos filmes. Aquí podedes ler o documento orixinal de Ayn Rand . Xa que moitas das aberracións que denunciaba Ayn Rand están moi presentes nos discursos de moita xente hoxe en día, voume permitir resumir algunha das suas denuncias para non esquecelas.
Non aldraxedes aos empresarios. 
Unha aberración moi frecuente nos nosos días é a de considerar que os directivos de empresas, empresarios (especialmente os banqueiros) ou calquera que se adique aos negocios encarnan a maldade máis vil. Adoitase a presentar aos empresarios como estafadores e/ou explotadores. É claro que hai persoas que se adican aos negocios que son persoas depravadas, como en calquera outra profesión ou actividade. Mais se un atende a historia dos homes e mulleres de negocios pode atopar toda clase de persoas, mais todos comparten as virtudes do xenio produtivo, iniciativa, independencia e a coraxe. En última instancia foron os responsabeis do inmenso crecemento económico dos últimos douscentos anos.
Non aldraxedes a riqueza.
Nas sociedades baseadas na libre competencia a riqueza obtense mediante a produción e o libre intercambio de bens e servizos. A produción non é un mal, como tampouco o é o lexítimo dereito das persoas a obter lucros do seu esforzó.
É precisamente nas sociedades non libres onde a riqueza obtense pola forza. É decir, pola expropiación das propiedades de outros. Nas sociedades libres cada persoa é libre de traballar no seu propio lucro e enriquecerse tanto como o seu talento llo permita, e as suas propiedades son suas: tanto se valen un euro como un millón de euros. Os ricos son ricos a causa do seu carácter persoal, non por pertencer a unha clase social.  Todos temos o lexítimo desexo de realizar os nosos proxectos e gañarnos a vida tan ben como podamos.
Non aldraxedes ao lucro como motivo.
Cando se esgrime o lucro como un motivo perverso que guía a acción de alguén, que é o que se pretende?  Que traballemos sen remuneración, como os escravos, para o beneficio do Estado? Ninguén quere traballar sen remuneración, e ninguén o fai… excepto os escravos.
Un emprendedor ten que estar interesado no lucro. Nunha economía libre o empresario fai lucro so porque fai un produto que a xente quere mercar. Que se pretende que faga se non? Que venda o seu produto perdendo? Se o fixera, canto tempo ficaría no negocio? E a costa de quen?
Moitos presentan as persoas que queren gañar cartos como viláns. Nunha economía libre non hai nada de deshonroso en querer gañar cartos,  xa que os cartos se gañan so grazas ao esforzó produtivo. Se queremos denunciar o desexo de facer cartos de xeito inmoral ou deshonesto, fagámolo.  O condeabel é o deshonesto non o desexo de facer cartos e ser capitalista. Non son o mesmo.
Non aldraxedes o éxito.
Existen moitas formas de éxito: espiritual, artístico, industrial, financieiro etc. Todas as formas de éxito son desexabeis e admirabeis.
Existen discursos que pretenden suxerir que as persoas que teñen éxito o fan a costa dos demáis, que tiveron  que perxudicar a alguén para alcanzar o éxito. As ideoloxías totalitarias intentan disuadir do esforzo e éxito persoal porque as persoas que perden as suas ambicións persoais son máis submisas e están máis dispostas a ser guiadas.
A dignidade humana e a autoestima son imposibeis sen certo grao de éxito persoal. Cando se aldraxa o éxito estase aldraxando a dignidade humana.
Non glorifiquedes o fracaso.
O fracaso non é algo admirabel. Todos facemos frente ao fracaso nalgún momento das nosas vidas. O admirabel é a coraxe e a determinación para superar os fracasos, non o feito de fracasar. Convén sinalar que fracaso non é o mesmo que desgraza, ainda que as duas compartan a falta de virtude.
Cando se presenta o fracaso como algo simpático, como un signo de bondade ou virtude frente ao vil éxito, estase suxerindo que aceptemos a miseria e a degradación como un estado natural das persoas. Que o mal está no éxito e o ben nas alcantarillas. Todo o pobre é bo e todo o rico é malo.
Non glorifiquedes o colectivo.
Existe unha grande diferencia entre a libre cooperación e o colectivismo forzado. A cooperación é a libre asociación de persoas que queren traballar xuntas e que escollen facelo voluntáriamente por interese propio. O colectivismo é o agrupamento forzado de persoas sen posibilidade de escolla, sen interese persoal, nin remuneración algunha para subordinalas á dirección de outros. Os socialistas e comunistas reclaman a superioridade do grupo sobre o individuo: as accións das masas son boas mentres que as accións individuais son malas. Claro que existen vicios individuais igual que existen vicios grupais. Os dous tipos de vicios deben ser xulgados polas accións específicas e non por ser "un" contra "moitos".

A influencia das ideas colectivistas nas nosas sociedades é grande. En parte porque os que profesamos ideas contrarias tendemos a deixar pasar a propaganda dos colectivistas. Esta pequena guía sirve como recordatorio para non permitir o avance da influencia colectivista.

12.6.16

Never, ever again


As ideas socialistas volven a estar en voga en España e na Galiza. 

Moita da xente seducida polas ideas do colectivismo non nacera nos anos oitenta ou naceu nesa década. Lembro moitas cousas daquela década, mais as imaxes da fame en Etiopía que aperecían nos telexornais da época resultan imborrabeis. Faise necesario lembrar o mal que as ideas socialistas teñen causado a moita xente, nomeadamente aos máis pobres do mundo. Venezuela non é o primeiro país que padece as terribeis consecuéncias do socialismo.

Entre 1983 e 1985 morreron de fame entre 590.000 e 1.000.000 de persoas en Etiopia. Os governantes Derg acusaron a seca como causante da mortífera fame, a pesares de que a fame comezou bastante antes que a seca. En 1991 os Derg foron expulsados e o seu lider fuxiu a Zimbabwe onde ainda vive protexido polas autoridades. Alí puido ser testigo nos 90 doutro episodio de fame relacionado coas reformas iniciadas por outro socialista senlleiro Robert Mugabe. Tan bo recordo deixou o socialismo en Etiopia que en Addis Abeba decidiron lembralo cun museo que na sua porta principal ten representadas tres mulleres sobre a lenda: Never, ever again.
By Soman - Own work, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=28822918

Na seguinte tabela listanse as principais fames ocorridas no mundo durante o século XX, nela podemos ver que entre as 10 primeiras fames máis mortíferas 7 sucederon en países socialistas. Outras fames como as de Nigeria, Somalia e Bangladesh estiveron relacionadas coa guerra e/ou outros governantes incapaces.
Fonte:"Famine in the Twentieth Century", Devereux, S. IDS Working Paper 105. http://www.ids.ac.uk/files/dmfile/wp105.pdf

O record nesta lista dos horrores socialistas tenno a China de Mao Zedong, entre 30 e 33 millóns de persoas morreron de fame nos anos que seguiron á colectivización do campo chino. Para que nos fagamos unha idea, durante a segunda guerra mundial, nos dous teatros de operacións (Europa e o Pacífico), estímase que morreron entre 30 e 40 millóns de persoas.

Pero por que son tan frecuentes as fames nos países socialistas? A resposta está nos incentivos inherentes ao sistema. Aos países socialistas non lles queda outro remedio que colectivizar a agricultura. Sen os sistema de procura de lucros e prezos de mercado que guía a asignación dos recursos e a produción nas economías de libre mercado, non hai forma de xerar incentivos para que se forneza de produtos frescos as cidades. Mais a colectivización esnaquiza os incentivos privados tanto a produción como a acumulación para momentos adversos. Por iso as sorpresas adversas provocan fames con maior frecuencia nos países socialistas.
O socialismo ten feito méritos dabondo para se incorporar como quinto cabaleiro da apocalipse. Daquela, se as ideas colectivistas teñen acreditado o seu fracaso e a sua grande capacidade para xerar sofrimento, por que algúns humanos se empecinan en poñelas en prática e tratar de que funcionen?