1.3.17

Análise comparada do sistema de saúde español: calidade e eficiencia do sistema de saúde español II

Esta é a quinta dunha serie de oito entregas nas que dividimos un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.



Eficiencia: a relación entre a calidade e o custo

E non todo é cuestión de diñeiro, como ben precisa o informe. Hai países que obteñen bos resultados con poucos recursos e outros que gastan moito e aínda así non logran unha calidade excelente. 

Por exemplo, a República Checa gastou en saúde arredor de 1900 dólares PPP per cápita no 2012 e sitúase no posto décimo quinto do ránking con 694 puntos, non moi lonxe de Noruega no posto noveno con 756 puntos -o país que mais gasta per cápita, exceptuando Luxemburgo- 5400 dólares PPP per cápita.

España non sae moi ben parada nunha comparación entre gasto e resultados, pois o gasto en saúde español no 2102 foi de 3200 $ PPP per cápita, no posto decimoséptimo, mentres que, como xa foi sinalado, ocupa o posto vinte e catro na clasificación EHCI 2012.

 Para ter unha idea de que o sistema de saúde español non é especialmente eficiente podemos comparalo con Finlandia. O gasto per cápita finés en saúde no 2012 foi moi semellante ao español, arredor de 3300 $ PPP. Porén, Finlandia obtén 752 puntos no EHCI 2012, case 150 puntos mais que España, e sitúase no décimo posto da clasificación. 

Para constatar aínda mais a escasa eficiencia do gasto en saúde español podemos comparar a situación española (3200 $ PPP per cápita e 603 puntos EHCI 2012) coas da República Checa (1900 e 694), Eslovaquia (1900 e 675), Croacia (1500 e 655) ou Estonia (1300 e 653).


O Índice de eficiencia


O informe de EHCI elabora tamén un índice de eficiencia dos sistemas de saúde. Este índice de eficiencia consiste basicamente en dividir a puntuación EHCI pola raíz cadrada do gasto per cápita en saúde. A elaboración deste índice de eficiencia difire nalgún detalle técnico da definición dada. 

De acordo con este índice de eficiencia o sistema de saúde español estaba só por diante de Malta, Grecia e Bulgaria no ano 2009. Non se producíu mellora apreciábel no ano 2012 pois España só se situou por riba de Malta, Serbia e Bulgaria. 

De acordo co informe EHCI a eficiencia do sistema de saúde español empeorou entre o ano 2008 e o 2012 pois no ano 2008 o índice de eficiencia tiña en España un valor de 423 puntos o que situaba a España no medio da táboa e a 174 puntos de Holanda. No 2009 eran 403 puntos a 213 puntos de Holanda e no 2012 este índice de eficiencia non chega aos 400 puntos mentres que Holanda excede os 600.


A OMS


No ano 2000 a Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou un índice que pretendía medir a eficacia de los sistemas de saúde dos diferentes países e ser útil para realizar comparacións internacionais. Reiteradamente os distintos gobernos españois presumiron de que o índice no ano 2000 situou a España nunha excelente séptima posición mundial. Estritamente certo. Porén, sería erróneo deducir que gozamos duns extraordinarios servizos sanitarios. En realidade o índice da OMS non entra en contradición co EHCI. 


Para elaborar o seu índice do 2000, a OMS atribúe aos sistemas de saúde tres obxetivos, ao tempo que toma en consideración os recursos empregados na súa consecución. As metas trazadas son a boa saúde da poboación, a sensibilidade dos servizos de saúde ás necesidades dos usuarios e a equidade no seu financiamento. Cantos maiores sexan os logros nestas tres dimensións, usando menos recursos per cápita, mais elevado será o valor do índice.

A variábel do índice que mellor reflicte a calidade dos nosos servizos sanitarios é a relativa á súa sensibilidade ás necesidades dos usuarios. Esta variábel cuantifica sete aspectos: o respecto pola dignidade das persoas, a confidencialidade, a autonomía para participar nas decisións sobre a propia saúde, a rápida atención, os servizos de calidade axeitada, o acceso ás redes de soporte social e, por último, a liberdade de elección de provedor.

Se atendemos a esta variábel, a OMS non deixa en moi bo lugar a sanidade española. Esta ocupa un discretísimo trixésimo cuarto posto. Da nosa contorna, só Portugal e Grecia nos seguen. Ademais, o sistema sanitario español non semella especialmente eficiente, pois -obtendo un trixésimo cuarto posto na calidade do servizo- ocupamos o vixésimo cuarto lugar en gasto per cápita en saúde. Por tanto, o índice da OMS é consistente co EHCI.

A razón fundamental pola cal o sistema de saúde español ocupa tan alto lugar na clasificación da OMS é, simplemente, que gozamos de boa saúde. Somos os quintos. E a nosa boa saúde depende adicional e afortunadamente de factores que nada teñen que ver coa asistencia sanitaria. De facto, se un repara no ránking da OMS, observa que os sete primeiros postos están ocupados por Francia, Italia, San Marino, Andorra, Malta, Singapur e España. Todos países mediterráneos, a excepción de Singapur.

A análise da OMS tamén é neste aspecto consistente co EHCI porque no epígrafe de resultados o sistema de saúde español mellora relativamente a respecto do resultado global. No apartado de resultados do EHCI o sistema de saúde español obtén 213 puntos fronte a 263 que obtén Holanda. O líder neste apartado é Suecia con 300 puntos. O sistema de saúde español ocupa o posto décimo quinto, á par do belga.

No hay comentarios:

Publicar un comentario