8.3.17

Análise comparada do sistema de saúde español: outras experiencias, un sistema bismarckiano, Holanda

Esta é a sétima dunha serie de oito entregas nas que dividimos un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.




Un sistema bismarckiano: Holanda

O sistema de saúde holandés é un sistema profundamente orientado ao mercado ao tempo que estritamente regulado. A radical reforma do ano 2006 instaurou este sistema.

A excelencia holandesa

A evidencia empírica sostén o seu bo suceso. Holanda é o único país que desde o 2005 se situou no top tres do EHCI. E ao longo do tempo decorrido desde entón logrou situarse como líder, aumentado a súa avantaxe a respecto dos seguidores, informe tras informe.

Ademais a consultora Health Consumer Powerhouse elabora índices especializados sobre diabete, atención cardíaca, hepatite,... e en todos eles Holanda está sempre entre os catro primeiros países.

Tres seguros

Unha persoa en Holanda pode ter tres seguros de saúde, dous obrigatorios –un público e un privado- e un voluntario.

Un seguro público obrigatorio cobre tratamentos a longo prazo e custos de discapacidade que poden resultar moi onerosos. Este seguro público financiase con contribucións dependentes da renda. Porén, a procura da provisión da atención a longo prazo é en gran parte responsabilidade das aseguradoras privadas.

Por outro lado, os cidadáns están obrigados a contratar un seguro de saúde básico con algunha aseguradora privada da súa elección que cubre os tratamentos regulares a corto prazo. As aseguradoras, así como os provedores de servizos de saúde, poden ter afán de lucro. Porén, o mercado está dominado por aseguradoras privadas sen afán de lucro. 

O paquete de servizos deste seguro privado obrigatorio está estipulado polo Estado. As aseguradoras privadas están obrigadas a ofrecer este seguro básico e non poden negarllo a ninguén. As aseguradoras poden concorrer en servizos, prezos e calidade da atención, mais non poden modificar as prestacións incluídas no seguro.

Adicionalmente, os holandeses poden contratar voluntariamente un seguro de saúde para cubrir servizos que non cubran os seguros obrigatorios e que lle son ofertados polas mesmas aseguradoras. No 2009 un 91% dos asegurados tiña un seguro voluntario complementar.

Redistribución

 O financiamento deste seguro é amplamente redistributivo pois o premio pagado polos asegurados só cobre unha parte do custo do seguro mentres que o resto financiase con contribucións dos empregadores dependentes da renda que van parar a un Fondo de Seguro de Saúde que compensa ás aseguradoras en función dos riscos que asumen (así se redistribúe das persoas mais saudábeis ás menos saudábeis).

 Ademais, un subsidio compensa ás rendas mais baixas polos custos do seguro de saúde. Suíza ten un sistema de seguro de saúde semellante ao Holandés. A lei obriga os suízos a contratar un seguro médico básico cunha cobertura estipulada pola lei e que non pode ser negado a ninguén -voluntariamente completado cunha cobertura mais ampla- con axentes aseguradores privados regulados por unha lei federal. O estado helvético paga o custo do seguro que exceda o 8% da renda dun individuo. 

Asistencia sanitaria privada

No sistema de saúde holandés é o sector privado quen principalmente se encarga de fornecer de servizos de saúde. Médicos de atención primaria, especialistas, hospitais,...todos realizan as súas actividades no sector privado.

As aseguradoras poden negociar cos provedores prezo, volume e calidade da atención. En principio, os pacientes son libres de escoller provedor. Porén, as aseguradoras poden impor algunhas restricións a esta libre elección.

Os provedores concorren polos pacientes ofrecendo atención de boa calidade e concorren polas aseguradoras ofrecéndolles atractivos acordos de atención.

Existe o co-pagamento dos fármacos e dos gastos de hospitalización (con excepcións en función da renda, a idade e o status médico) e non existe co-pagamento na atención primaria e na especializada.

A reforma do 2006 tamén supuxo unha descentralización do sistema ao facer principais responsábeis da asistencia social aos concellos. Estes tamén exercen competencias en termos de saúde pública e prevención. Parte da responsabilidade da atención a longo prazo a persoas discapacitadas ou doentes crónicos foi delegada nos concellos.

O papel do goberno

O goberno ademais de regular o sistema, tamén fornece de información aos usuarios para que a súa elección tanto de aseguradora como de provedor sexa consciente. Está dispoñíbel a través de internet información sobre listas de espera, calidade e prezos da atención.

Velar polos dereitos e a información dos pacientes é unha característica que comparten o sistema holandés e o danés. Outra característica que comparten ambos sistemas é a necesidade de autorización por parte dun médico de primaria para derivar un paciente a un especialista. A xustificación de tal práctica é aforrar custos. Porén, este requerimento pode elevar os tempos de espera polos tratamentos

No hay comentarios:

Publicar un comentario