Aproveitando que hoxe todo o mundo está pendente das eleccións presidenciais dos EE.UU paréceme un bo momento para lembrar algunha das ideas sobre as que se fundaron os EE.UU e facer ao mesmo tempo unha recomendación cinematográfica e outra bibliográfica.
Os colonos norteamericanos do século XVIII tiñan moi claro que a explicación última de toda controversia política é a distribución do poder. Entendendo por poder a dominación dalgúns sobre outros. Os debates sobre o poder entre os colonos centrábanse na esencial agresividade de calquera poder: a sua permanente propensión a extenderse máis alá dos seus lexítimos límites. Nos cimentos da rebelion das colonias frente a Inglaterra estaba o convencimento de que as disposicións do governo británico, e os actos realizados polos seus axentes nas colonias, representaban unha ameaza para os principios nos que se basea a liberdade. O convencimento da existencia dun complot preparado contra a liberdade, tanto en Inglaterra como en Norteamérica, acabounos por lanzar á revolución que culminaría coa declaración de independéncia en 1776.
Destas premisas básicas acerca da natureza do poder e da debilidade humana ante as tentacións derívanse varias das controversias que preocupaba aos habitantes das colonias. Unha delas foi a necesidade de dotarse dun exército permanente. Para os colonos rebeldes a necesidade de establecer un exército permanente representaba unha ameaza para a sua liberdade, xa que non pode existir peor estado de sometemento que o imposto por un poder militar sen a limitación do poder civil.
Outro aspecto que xerou moita controversia nas colonias norteamericanas foron os plans do governo británico para favorecer a igrexa anglicana en detrimento das moitas igrexas que os colonos foran levando a norteamérica. Existia un temor moi grande a perda da liberdade relixiosa.
A controversia sobre a escravitude tamén ten a sua orixe na revolución americana. A escravitude empezou a ser vista como o mal político por excelencia. Os rebeldes consideraban aos británicos os seus opresores e eles mesmos considerábanse escravos, en palabras de John Adams: «a máis desprezabel clase de escravos». Outro dos pais fundadores, John Dickinson, expresábase:
«aqueles que deben pagar impostos sen o seu consentimento expreso, outorgado persoalmente por eles ou os seus representantes, son escravos. A nós cóbransenos impostos sen o noso consentimento, ou o dos nosos representates, somos polo tanto escravos».
Polo tanto a escravitude non era unha mera figura retórica era unha condición política específica que os colonos rebeldes atribuían aos franceses, daneses, suecos, rusos, españois, polacos etc da época. E podía aplicarse igualmente aos traballadores negros das plantacións das colonias norteamericanas. Esta controversia dará lugar a guerra civil de 1861, case que un século despois da revolución.
Estas tres controversias que veño de mencionar aparecen dun xeito ou outro no filme protagonizado por Matthew McConaughey e que da título a esta entrada. No filme nárrase a revolta acontecida en varios condados do estado de Mississippi (no corazón da américa confederada) durante a guerra civil americana.
Para profundizar sobre a natureza de revolución americana pódese ler The Ideological Origins of the American Revolution do que tirei as citas anteriores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario