6.10.17

Entendendo os acontecementos en Catalunya: o quebranto do estado de dereito


   
Resumo
O pasado 1 de Outubro asistimos, entristecidos, á confrontación entre cidadáns e funcionarios públicos. Nas liñas que seguen presentamos sucintamente unha análise para poder entender os acontecementos en Catalunya. Argumenta-se que: 1) os acontecementos do 1 de Outubro son un fracaso da política: os políticos dos governos de Puigdemont y de Rajoy fixeron mal o seu traballo, e a sua irresponsabilidade ten posto en perigo a integridade de cidadáns e de funcionários públicos; 2) a nova forma de facer política ocasiona que os novas organizazóns políticas estén mais preocupadas polas demandas dos afiliados que polos intereses da comunidade, como o caso catalán evidéncia; 3) a aprovazón no Parlament de Catalunya da Lei de Referéndum e a Lei de Transitoriedade Xurídica os dias 6-7 de Setembro de 2017 é un quebrantamento do estado de dereito -que defende aos débiles do abuso dos poderosos-, quebrantamento que afecta a todos os cidadáns do estado español -sexan cataláns ou non- polas suas potenciais perigosas consecuéncias; e, 4) no caso que o Parlament declare unilateralmente a independéncia, so se vai poder garantir o estado de dereito suspendendo a Autonomia de Catalunya aplicando o artigo 155 da Constitución, o cal vai traer mais confrontamento e, tristemente, mais sufrimento.



“For in a government of laws and not of men, no man, however prominent or powerful, and no mob, however unruly or boisterous, is entitled to defy a court of law. If this country should ever reach the point where any man or group of men by force or threat of force could long defy the commands of our court and our Constitution, then no law would stand free from doubt, no judge would be sure of his writ, and no citizen would be safe from his neighbors.''
Kennedy, John F. (1962)


No presente escrito presentamos sucintamente unha análise para poder entender os acontecementos en Catalunya a partires do 6 de Setembro de 2017. En primeiro lugar presentamos un marco teórico para entender os acontecementos. Na segunda parte presentamos unha explicación sobre ditos acontecementos en Catalunya. O escrito finaliza cunhas considerazóns do que pode acontecer no futuro.


I. Marco teórico.

Antes de analisar os acontecimentos en Catalunya, presentamos catro consideracións iniciais:

1. A Ciéncia Política. A ciencia política é a parte do saber que estuda a toma de poder e o uso do poder. Nunha sociedade, existen unha regras de xogo nas que se exercita o poder. Indicar que obxectivo dos que usan o poder, ben para os seu próprios intereses ou para os de algún grupo da sociedade, está limitado pola existencia destas regras de xogo e das institucións que se aceitan en dita sociedade.

2. A Democracia é un sistema inherentemente inestável. A inestabilidade dun sistema democrático reside en que:
2.i) é un sistema que permite e defende que existan movementos que queiran acabar ca própia democracia; e,
2.ii) os cidadáns que viven nunha democracia non a valoran até que non disfrutan dela, o que leva a unha desafección democrática na cidadania. Esto pon en perigo a democracia polo baixo compromiso na sua defensa.
Por estas duas razóns, precisan-se de institucións e de leis (regras de xogo) que aguanten as embestidas dos movementos que queren acabar ca própia democracia e que non sexa explícitamente defendido polos que a disfrutan. Unha forma de estado que garante a protección destas embestidas é o estado de dereito. O estado de dereito protexe aos débiles do abuso dos poderosos (en particular, de aqueles que exercen o poder do estado). Se non hai estado de dereito, cualquer poderoso pode cometer a maior atrocidade que nunca será castigado. É a lei do mais forte. Duas institucións son cruciais na defensa do estado de dereito: o marco xurídico-legal –que dirime os conflictos baseándose nas regras de xogo- e o monopólio da violéncia que garante que se cumplan as sentencias. En ambos casos, son funcionarios públicos os que se encargan desta defensa da democracia –xuices e policia/exército-, e mais en concreto, da defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns.

3. Democracias liberais modernas. Nas sociedades e democracias modernas atopámonos que:
3.i. As sociedades liberais modernas teñen unha característica: dase a división do traballo (ver Adam Smith 1776, Cap.1) das tarefas sociais. Cada cidadán dunha sociedade, dentro das suas capacidades, méritos, ou contactos, decide realizar o mellor traballo dos que pode desenvolver dentro de dita sociedade. Así atopámonos con cidadáns que exercen de médicos, de mineiros, de profesores, etc.
3.ii. Dentro da división do traballo das tarefas sociais, o termo “político” é o nome que atribuimos a aqueles especialistas que toman decisións sociais. É dicer, os traballo dos políticos é buscar soluzóns a problemas e conflictos sociais.
3.iii. A profesionalizazón dos políticos ten levado a agruparse en “gremios” –os partidos políticos- análogamente aos grémios/coléxios de farmaceuticos, médicos, etc.

4. Problemas nas democracias liberais modernas: partidos políticos tradicionais e novas formas de organizazón política. A continuación indicamos diferentes problemas actuais nas democracias referidas ás organizazóns políticas.
4.i. Problemas dos partidos políticos tradicionais. A división do traballo das tarefas sociais ocasiona a especializazón dos políticos dentro dos partidos políticos tradicionais nas democracias liberais. Esta especializazón ten levado a tres problemas:
a)     á superespecializazón do político, que lle leva a perder a visión global dos problemas dos membros dunha sociedade, á cal supostamente representa;
b)     á desconexión entre o político e o representado, principalmente debido ao sistema eleitoral que limita o control do cidadán ao seu representado, e que conleva a desafección política; e,
c)     á desconexión dos partidos políticos cos seus afiliados (aos que as executivas piden obediencia cega) e á sua vez cos votantes (aos que tenta atraer o seu voto, mas sen contrapartida posterior).
4.ii. As novas formas de organizazón política: luces e sombras. Para superar esta desafección política aparecen novas organizazóns (que, por certo, nengunha se autodenomina “partido” –por ex., Podemos, En Marea, CUP, etc.-) caracterizadas por unha ligazón directa (e control) do político e o afiliado/representado, e pola toma de decisións asambleárias na organizazón (favorecido polas novas tecnoloxias).
Porén, existen dous (grandes) problemas neste tipo de organizazóns, caracterizadas por ise seguimento tan directo do afiliado ao representante:
a)     Ocasiona unha (grande) dificultade para estas organizazóns para chegar a acordos (estratéxicos) que favorezan a toda a comunidade, pois son os afiliados os que marcan as decisións da organizazón. Se os representantes non siguen as directrices das bases, lóxicamente –porque este é o funcionamento e a forma de participazón da organizazón- son reprobados, considerados como “traidores” e mesmo as bases poden darse de baixa da organizazón.; e,
b)     Obriga aos afiliados (e aos simpatizantes) a unha contínua mobilizazón social, que choca ca división do traballo das tarefas sociais indicada en 3.i). Así afirmazóns como as de Yolanda Díaz (de En Marea) á Radio Galega no sentido que “a sociedade ten que estar continuamente mobilizada contra as medidas do PP”, son ilustrativas. Como veremos no caso catalán, os embites ao estado de dereito son xustificados por estas organizazóns ca mobilizazón social, ben dos afiliados ou dos simpatizantes, ainda que se deixe fora deste embite a una parte da sociedade.


II. Entendendo os acontecementos en Catalunya.

As considerazóns prévias permítenos entender os acontecementos en Catalunya que se precipitaron a partires do 6 de Setembro.

5. A aprovazón no Parlament de Catalunya da Lei de Referéndum e a Lei de Transitoriedade Xurídica os dias 6-7 de Setembro de 2017 é un embite á democracia. A crise institucional non é se os cataláns teñen dereito á autodeterminazón, ou se poden votar a independéncia como parecen soster Pablo Iglesias (Podemos). O problema é que as leis aprobadas o 6-7 de Setembro son un quebranto do estado de dereito, onde os que exercen o poder atropellan dereitos e liberdades de cidadáns.

6. A razón da aprovazón destas leis ven motivada polos partidos que apoian ao Govern, e en particular por aqueles partidos que trasladan directamente ao Parlament de Catalunya demandas dos seus própios afiliados. Esta maior democracia é un aire novo moi desesável ás institucións, que contrasta ca esclerosis dos partidos tradicionais. Poren, trae consigo problemas, como se indicou en 4.ii.a): a dificultade para acadar acordos con outras forzas políticas que non sexan aqueles que explícitamente marcan as suas bases. Eiquí xurde o desencadenante dos acontecementos: se para seguir as directrices e anceios das bases precisa-se romper ca lei, so se poden chegar a acordos cara eses anceios, ainda que se deixe fora do acordo aos demáis membros da sociedade, cidadáns que non son bases da organizazón e que non dictan as directrices do movemento. E este perfil de acción política seguido polas novas organizazóns está sendo seguida polos partidos políticos tradicionais cataláns, cunha baixa reputazón tras os escándalos de corrupción, por oportunidade política para non perder votantes (ver Casals 2015, 2017). Este é o transfondo da aprobazón das leis de secesións do 6-7 de Setembro de 2017.

7. Seguindo este perfil de acción política das novas organizazóns, a ruptura e quebrantamento da lei dentro do estado de dereito ca aprobazón das da Lei de Referéndum e a Lei de Transitoriedade Xurídica os dias 6-7 de Setembro de 2017. Como se indicou en en 4.ii.b), este quebrantamento do estado de dereito refrenda-se ca mobilizazón social. O pobo é o que xustifica o quebrantamento da lei.

8. Os tristes sucesos do 1 de Outubro onde se enfrentan antidisturbios con cidadáns evidéncian o fracaso da política. Os políticos do Govern e do Governo de España non fixeron o seu traballo: buscar solucións aos problemas e conflictos sociais (como se indicou en 3.ii). Como non fixeron o seu traballo, os políticos do Govern enviaron aos cidadáns a defender o seu mal facer, e os políticos do Goberno central enviaron á policia como consecuéncia o seu mal facer. O mal facer de ambos dous governos ten levado que sairan lesionados cidadáns e policías.

9. Na miña opinión, o mal facer de ambos dous governos esto incapacita-lles para seguir dirixindo nengún país. Específicamente, Rajoy e Puigdemont (como respresentantes dos governo español e catalán) son moi responsáveis dos acontecementos do domingo 1 de Outubro. Como se indicou en 3.ii), o traballo dos políticos é buscar solucións aos conflictos sociales, e para buscar solucións. Este é o seu “chollo,” e pagámoslles por iso. Porén:
(i) Puigdemont (e o seu Govern) ten sido un irresponsável porque en lugar de negociar, (negociar e negociar) ten quebrantado unilateralmente a lei, e amparou esta ilegalidade apelando á movilización social. El sabía que dende o governo central íase enviar policia para cumplir as ordes dos xuices. El sabía que se a policia actuaba, existía unha alta posibilidade de que algún cidadán saira ferido. A Puigdemont deu-lle igual. En lugar de pensar nos cidadáns, preferiu enviar á xente á rua para refrendar a sua ilegalidade poñendo en perigo a sua integridade.
(ii) Rajoy (e o seu Governo) ten sido un irresponsável porque en lugar de negociar, (negociar e negociar) tense pechado en banda cunha visión curtopracista e de oportunidade política: hai cidadáns que non consideran España o seu país, e en lugar de buscar solucións e presentar propostas, non ten feito nada nos últimos 12 anos. E para cumplir a legalidade dictada por un xuiz, o seu governo ten movilizado chapuceiramente e sen orde a funcionarios públicos, tamén exponéndo-os a riscos e escárnio públicos innecesários. En lugar de defender dereitos e liberdades, deron a impresión que estaban atrapando a delincuentes. (Ver en Baquero 2017 a carta de Policias Nacionais ao El Periódico de Catalunya.)


III. E agora que é o que facemos?

Despois desta desfeita, cuns (ir)responsáveis claros e unha cidadania dividida, que é o que nos depara o futuro?

10. Á vista do que acabamos de argumentar, o debate non é se os cataláns teñen ou non dereito á autodeterminazón, ou se teñen dereito a votar ou non. O feito mais grave dos acontecementos en Catalunya ten sido quebrantamento do estado de dereito, pois non afecta so aos que viven en Catalunya senon a todos os cidadáns do estado español. Que os políticos non se chegaran a acordos, e que se quebrantara o estado de derecho, afectanos a todos os cidadáns perigosas consecuéncias que pode ter.

11. Se algún governo ou parlamento rompe unilateralmente as regras de xogo cando non lle conveñen, e non existe sanción ou reprobazón, abre-se a porta a cometer calquer atropello. Mañan calquer parlamento poderia estar formado, por exemplo, por parlamentários islamistas radicais que votasen que as mulleres non poden ir á escola. E logo, quen vai defender os dereitos e liberdades das mulleres que si queren ir educarse nas escolas? Precisamente, para defender os dereitos e liberdades dos cidadáns, non se debe permitir que o estado de dereito se quebrante unilateralmente. Non cabe negociazón neste ponto.

12. As propostas de negociazón (e mediación) de Pablo Iglesias (Podemos), Pedro Sánchez (PSOE) e outros políticos parten dunha diagnose errada dos acontecementos en Calatunya. Propoñer que o Governo central negocie co Govern, é como propoñer ao governo da II República que negociase co Xeneral Franco no verao de 1936 despois do seu golpe de estado. Non caben negociazóns mentres esté quebrado o estado de dereito. Así que so caben outra solución: que o Parlament non aplique e deroge as leis de secesión, e –despois si- que os políticos empecen a negociar, (negociar e negociar) co fin de chegar a acordos para satisfacer a aqueles cidadáns que non se sinten cómodos dentro do estado español. Estos acordos poderian incluir modificazóns na Constitución, referendums legais, cámbio a unha estructura federal, ...ou o que sexa, mas sempre dentro da legalidade. Ese é o chollo dos políticos.

13. Porén, Rajoy e Puigdemont están ambos os dous incapacitados para este labor: teñen sido uns irresponsáveis ambos os dous, porque teñen levado ao enfrentamento aos cidadáns. Cando alguén é irresponsável porque non fai ben o seu traballo e, pior, antepón outros intereses aos intereses da sociedade que dirixe, non merece seguir dirixindo dita comunidades. Polo que hai que buscar a outros políticos que busquen soluzóns e propoñan acordos.

14. Quen poden ser estes políticos? Unha proposta: os consellos de anciáns funcionaban ben para resolver problemas, polo seu coñecemento das suas comunidades. Buscar políticos de diferentes perfil ideolóxicos, cunha ampla traxectoria política, xa no seu ocaso vital, mas respectados e con grande motivazón de facelo ben, poderian aportar moitas ideias e solucións. Éstas propostas non gustarán aos puristas, mas poden ser a base de acordos aceitáveis para todos. Os meus candidatos: Josep Borrell, Josep Antoni Durán e Lleida, Miquel Roca e Josep Piqué.

15. Do contrário, se o Parlament decide declarar unilateralmente a independéncia, o único xeito de defender o estado de dereito, e amosar que todos os cidadáns estamos ao amparo da lei e ninguén está por riba da lei, é intervir a autonomía (aplicando o artigo 155 da Constitución, por certo copiado da Constitución alemana). Esto, tristemente, traerá mais confrontamento e mais sufrimento que non beneficia a ninguén.

Eduardo L.Giménez
galidem e Universidade de Vigo
egimenez@uvigo.es
6 de Outubro de 2017

Agradecementos. Agradezo encarecidamente as conversas con (e a paciencia de) Mauro Giménez, Damián Giménez, Fidel Castro-Rodríguez e Daniel Miles que permitiron aclarar as miñas ideias, e mais as dicusións cos alumnos de Microeconomia Avanzada de 4o do Grao en Economia.

Referencias
Baquero, Antonio (2017) “Policías nacionales piden "disculpas" por la actuación del 1-O,” El Periodico de Catalunya 05 de Outubro de 2017 http://www.elperiodico.com/es/politica/20171005/policias-nacionales-disculpas-catalanes-1-octubre-6333513
Casals, Xavier (2015) X. Casals, “La Cataluña emergente. Secesionismo y dinámicas populistas europeas”, Tiempo devorado. Revista de historia actual, 3 (diciembre 2015), pp. 18-33.
Casals, Xavier (2017) “El Proceso Independentista Catalán: La Eclosión de un Movimiento de Protesta `Desde Abajo’ (2003-2015)” https://xaviercasals.wordpress.com/2017/09/24/el-proceso-independentista-catalan-la-eclosion-de-un-movimiento-de-protesta-desde-abajo-2003-2015/
Kennedy, John F. (1962) "Radio and Television Report to the Nation on the Situation at the University of Mississippi.," September 30, 1962. Online by Gerhard Peters and John T. Woolley, The American Presidency Project. http://www.presidency.ucsb.edu/ws/?pid=8915.
Smith, Adam (1776) An Inquiry into the Nature and Causes of the Wealth of Nations. University of Chicago Press. 1977. http://files.libertyfund.org/files/220/0141-02_Bk.pdf

A Asociación Galega pola Liberdade e a Democracia (galidem) non comparte necesariamente as opinións dos seus autores y colaboradores neste blog.

No hay comentarios:

Publicar un comentario